Un avó será xulgado na Audiencia acusado de abusar sexualmente da súa neta
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra acollerá o vindeiro martes día 4 un xuízo por abusos sexuais. No banco dos acusados sentará un avó acusado de abusar da súa neta.
A Fiscalía pide para el unha condena de catro anos de prisión.
Segundo o escrito de acusación que formula o Ministerio Fiscal, o procesado, que carece de antecedentes penais, durante o desenvolvemento das visitas da súa neta menor de idade, as fins de semana previos ao día 20 de marzo de 2015 no domicilio "coa intención de satisfacer os seus desexos libidinosos", someteu en varias ocasións á menor a diversos tocamentos na zona vaxinal por baixo da roupa interior, "sen utilizar violencia ou intimidación algunha dada a relación familiar da que se prevalecía".
Estes feitos son constitutivos dun delito continuado de abusos sexuais polo que a Fiscalía pide que sexa condenado a 4 anos de prisión e que se lle prohiba aproximarse e comunicar coa súa neta por un prazo de 8 anos.
En concepto de responsabilidade civil, polo dano moral causado, a Fiscalía pide que o acusado indemnice á vítima na cantidade de 3.500 euros, debendo ser entregada dita cantidade aos pais da menor ao ser estes representantes legais da mesma.