O Borralleiro estreará unha praza e un campo de futbito
Por Diego Espiño
O alcalde da Lama, Jorge Canda, presentou durante a asemblea veciñal realizada na Casa do Pobo do Borralleiro un proxecto que levará a cabo o Concello para dotar dun campo de futbito e unha praza ás inmediacións do local social que serve de lugar de encontro e reunión dos residentes nos núcleos poboacionais de Carballeira, Taboadelo, O Borralleiro, O Eido da Tendeira, O Eido do Macho e A Fentosela, entre outros.
O campo de futbito construirase na localización na que nestes momentos figura un de terra irregular, con fochas e mala conservación onde están colocadas dúas porterías pequenas moi deterioradas polo paso do tempo.
Tamén, e a petición veciñal, o Concello colaborará na dotación dunha nova traída de augas para O Borralleiro e Carballeira xa que o sistema actual de abastecemento de augas presenta moitas deficiencias que non poden ser emendadas polo menos que se poña en marcha outra nova.
Ademais, Jorge Canda tamén se comprometeu a asfaltar varios camiños veciñais entre os que destacan o de Taboadelo e o que comunica os núcleos rurais de O Eido da Tendeira con Carballeira.