O xuízo de "Machucho" desvela vocabulario dos narcos para esquivar as escoitas telefónicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Dez axentes do Grupo de Resposta Especial contra o Crime Organizado (GRECO) encargáronse da vixilancia dunha organización galego-marroquí presuntamente relacionada co narcotráfico durante varios anos. Exerceron, igual que os policías da serie The Wire, de investigadores a través de escoitas telefónicas e seguimentos dos integrantes deste grupo do que catro presuntos integrantes sentan esta semana no banco de acusados da sección segunda da Audiencia Provincial. Están procesados por participar na tentativa de introducir catro toneladas de haxix nas Rías Baixas no ano 2010.
Na mañá deste xoves, o xefe do grupo policial que realizaba a investigación, ofrecía o testemuño na vista oral do seguimento realizado aos acusados nun xuízo no que segue habendo referencias a dous presuntos integrantes desaparecidos, José Antonio Pouso Rivas, coñecido por "Pelopincho", e o pontevedrés José Bernardo Villaverde Amil, un veciño de Monte Porreiro que o xefe da investigación considera un elemento fundamental en toda a trama a partir do momento en que se incorporou ao grupo encargándose de organizar operacións, viaxar ao sur da Península para contactar cos subministradores da droga e mercar o barco Garbi III en Bilbao para trasladar as catro toneladas de haxix desde Marrocos ata Galicia.
O axente policial relatou e explicou a preguntas do fiscal as conversacións que o narco Manuel Sineiro, coñecido por "Machucho", mantivo ao longo de moitos meses para ir pechando toda a operación. Durante o relato explicaba como nestas escoitas telefónicas detectaban que os integrantes da trama evitaban utilizar datos concretos de lugares ou nomes para evitar ser identificados e calquera conversación persoal realizábase con algún colaborador que vixiaba a zona. Por teléfono, Sineiro nin sequera utilizaba o seu alcume "Machucho" para identificarse, empregaba "Manolo Ribadumia" e facía uso de expresións vagas como "o amigo do primo" para referirse a outros integrantes da organización.
Ademais, os narcos empregaban unha linguaxe propia no que para referirse a Galicia utilizaban o termo "marisco" ou o pleonasmo "subir arriba". Un "coche grande" usábase para referirse a unha embarcación de gran tamaño e "facer un coche" era levar a cabo unha operación.
Cando dous dos investigados mantiñan unha conversación e temían que a súa telefóno móbil puidese estar "pinchado" inmediatamente alegaban "non se escoita ben" para cortar e buscar un teléfono público desde o que reestablecer o contacto. En concreto, Sineiro apagaba en ocasións o seu móbil nas numerosas viaxes que realizaba ao sur de España. Así evitaba que fora rastrexado pola policía.
"No sabéis dónde tenéis la mano derecha ni la izquierda. Esto no es un juego"
Só en ocasións de tensión como cando a organización abortou un traslado de droga, Machucho referiuse, segundo o axente que testificou na sala, aos seus contactos magrebís recriminándolles na conversación telefónica: "No sabéis dónde tenéis la mano derecha ni la izquierda. Esto no es un juego". A súa cautela facíase evidente ao negarse a entrevistarse persoalmente cos marroquís en Tánxer aducindo que esa viaxe podería alertar ás forzas policiais ao cruzar a fronteira. A organización aprazaba as súas actividades atendendo a "a lúa", a forma que empregaban para referirse ao Ramadán
No seu testemuño, o axente policial rexeitou as escusas que Sineiro empregara durante a súa declaración para explicar as causas das súas viaxes á Costa do Sol. Nunca vendera vieiras ou navallas, nin comprara pedras nin tampouco había comerciado con mel, as tres actividades que "Machucho" alegou ante as preguntas do fiscal no primeiro día da vista.
O axente explicou que, na vixilancia, demostrouse que o capo de Ribadumia, con antecedentes por narcotráfico, sempre se desprazaba para coordinar a estratexia da operación de traslado da droga.
Relacionadas:
-
O inesperado testemuño da muller do socio de Pelopincho pecha o xuízo pola súa desaparición
Por Oskar Viéitez |
-
Unha desaparición en Monte Porreiro que, nove anos despois, mira cara a Bolivia para atopar respostas
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Solicitan arquivar a causa pola desaparición forzosa dun suposto narco ante a ausencia da súa esposa, testemuña crave
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A narco avogada Tania Varela será xulgada na Audiencia a principios de 2019
Por Natalia Puga |
-
O náufrago da banda de Pelopincho que transportaba haxíx acusa a Policía portuguesa de romperlle dentes e costelas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Audiencia xulga catro acusados de traficar con haxíx vencellados a "Pelopincho"
Por Redacción |
-
SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga |