Os socialistas queren retomar a solución de Teresa Casal para as medianeiras da Peregrina
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista instará o goberno local de Pontevedra a que retome a solución escollida por Teresa Casal na súa etapa como concelleira de Urbanismo para as medianeiras da Peregrina. "Nós cremos que o camiño que ela iniciou é o correcto e agora toca continualo", din nun comunicado.
Sendo responsable de urbanismo Teresa Casal puxo en marcha un concurso de ideas para finalizar co feísmo destas medianeiras e "fixéronse as cousas ben, buscando o maior consenso e chegouse a unha solución aceptada por todas as partes", valora o portavoz socialista Tino Fernández.
O deseño gañador propoñía cubrir todos os edificios modernos que afean a contorna do templo con listóns de madeira de piñeiro. Naquel deseño presentado polos arquitectos Elio García, Javier Rodríguez e Carlos Rodríguez incluían inicialmente unha torre-miradoiro lateral, tamén de madeira, pero a súa execución quedou posteriormente descartada porque supoñería invadir un terreo de titularidade privada.
"As condicións agora son mellores que fai cinco anos porque contamos cun goberno na Deputación disposto a colaborar nestes asuntos que serven para mellorar a imaxe turística da capital da provincia", engadiu Tino Fernández que esixiu ao alcalde "que abandone o estado de hibernación política no que se atopa e empezo a pensar e traballar".
Os socialistas levarán a Pleno o problema das medianeiras da traseira da Peregrina e instarán o alcalde a retomar o proxecto iniciado no seu día por Teresa Casal e a asinar un convenio de colaboración coa Deputación para financiar a execución da obra.