O concelleiro de Turismo de Poio declarará nos xulgados por irregularidades na contratación na Festa do Mar
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O grupo municipal nacionalista do BNG en Poio mostrou o seu apoio co concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez, que foi chamado a declarar o próximo 4 de maio no Xulgado de Instrución número 2 a raiz dunha denuncia do Partido Popular sobre un posible delito de prevaricación administrativa.
Os feitos remóntanse, segundo explicaba o propio concelleiro e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, á Festa do Mar organizada en 2014. O auto fai referencia a unha posible contratación irregular de nove postos neste evento festivo. Martínez indica que se trataba tanto de stands de venda de rosquillas ou de garrapiñadas como de atraccións de feira como o carrusel, non de postos gastronómicos.
O concelleiro do grupo de goberno afirmou que se atopaba "tranquilo" ante esta citación e non ten previsto dimitir, xa que entende que se trata dunha petición de aclaración sobre o procedemento administrativo que leva a cabo tradicionalmente na Festa do Mar.
Xosé Luís Martínez afirma que posiblemente o xuíz pregúntase os motivos polos que non se levou a cabo un concurso público para a concesión deses postos de carácter individual. Alega que se utiliza esta fórmula de solicitude e concesión dos postos ao prezo de 50 euros por metro cadrado para beneficiar aos veciños de Poio ao resultar pouco operativo outro sistema de adxudicación.
O alcalde, Luciano Sobral, arremeteu contra o Partido Popular por empregar o sistema de xudicializar estas situacións co obxectivo, apuntou, de "acabar co evento da Festa do Mar, que é masivo e ten moito éxito".
"Non vamos ceder a chantaxes xudiciais", apuntou o rexedor que asegura que lle produce tristeza que o PP sexa incapaz de obter o apoio dos electores e utilice a vía xudicial para tentar chegar á alcaldía. Insistiu en que practican unha xestión pública e transparente e que non van entrar na estratexia de "xogar en campos embarrados" do Partido Popular.
Ambos, arroupados polo resto de concelleiros nacionalistas en Poio, insistiron en que continuarán organizando a Festa do Mar a través do mesmo sistema de contratación e aclararon que o auto non fai referencia a que o concelleiro obtivese un enriquecemento persoal ou tivese algún trato de favor, senón que se centra en cuestións técnico administrativas.
Relacionadas:
-
O xuíz non ve indicio de delito na denuncia do PP contra o edil de Turismo de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes asegura que o alcalde de Poio é "cómplice" das irregularidades da Festa do Mar
Por Redacción |
-
Poio defende a xestión "totalmente transparente" da súa Festa do Mar
Por Redacción |
-
O PP de Poio valora positivamente a recente Festa do Mar pero cuestiona o seu financiamento
Por Redacción |