O acusado dun violento asalto en Vilanova nega os feitos de xeito contundente: "Nunca he estado en Galicia"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Wilmer F.L., acusado dun violento asalto nunha casa de Vilanova de Arousa no que catro persoas entraron a roubar e ataron de pes e mans aos seus propietarios, sostivo a súa inocencia ante a Audiencia Provincial de Pontevedra asegurando que non só el non cometeu ese delito, senón que mesmo "nunca he estado en la comunidad de Galicia".
O home, en prisión provisional por esta causa, sentou no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia por dous delitos de detención ilegal e un delito de roubo con violencia en casa habitada e con uso de armas ou instrumentos perigosos en concurso medial con outro de detención ilegal polos que a Fiscalía pide que lle impoñan unha pena de 16 anos e oito meses de prisión. Tras a vista oral, e a pesar de que el sostén a súa inocencia, o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, mantivo a súa petición.
Os delitos presuntamente cometeunos o 4 de febreiro de 2015 acompañado doutras tres persoas que non foron identificadas. As presuntas vítimas do asalto, un matrimonio de Vilanova e a súa filla, declararon protexidos detrás dun biombo e confirmaron que acudiron á casa pasadas as 21.30 horas, xusto cando a parella "había terminado de ver el parte" informativo na televisión, e que ían armados con dous coitelos e dúas pistolas e levaban a cara cuberta con pasamontañas e o corpo con túnicas negras e luvas nas mans.
Nin os pais, que estaban na casa cando entraron, nin a filla, que chegou 10 minutos máis tarde, puideron ver a cara dos delincuentes que os atacaron, de modo que non poden recoñecer a ningún deles. A pesar diso, o acusado foi detido e investigado por estes feitos por dúas probas que o fiscal ve contundentes: nas bridas que os asaltantes utilizaron para atalos de pés e mans apareceu unha pegada súa e o seu ADN e tanto ese día como as xornadas previas ao incidente os veciños viron nos arredores da casa un vehículo que estaba ao seu nome.
O acusado explicou que a súa profesión é pintor e decorador e que "en ningún momento" utiliza bridas. Sobre a presenza do seu ADN neses elementos, indicou que sempre estivo "rodeado de gente que se dedica a esto", de modo que as súas pegadas poden aparecer "en cualquier lugar en el que puedan haber estado esos criminales", pero foi firme á hora de defender que non cometeu ese asalto.
O seu avogado defensor pide a súa absolución ao enteder que non existen probas contra el e que, de feito, as vítimas declararon que os asalantes levaban luvas, de modo que, se el fose un dos asaltantes, levaría as mans tapadas e as súas pegadas non aparecerían nas bridas. Fronte estas argumentacións, o fiscal considera que "es evidente que Wilmer en aquel momento estaba en la casa" e que "ese ADN existe y está claro en la brida". Na súa opinión, ese ADN non se trasladou ás bridas na casa de Vilanova, senón que" venía de su domicilio o del lugar donde habían planeado el hecho delictivo".
Ademais, o fiscal considera que outra "prueba irrefutable" da súa presenza na casa é que o seu Peugeot 406 gris estivo alí ese día, tal e como sinalaron tres testemuñas. Un anotou as letras da matrícula e os investigadores da Garda Civil confirmaron que o acusado tiña ao seu nome un vehículo igual ao que se sitúa no lugar dos feitos coas mesmas letras na matrícula, aínda que en marzo de 2015, mes seguinte ao asalto, caducoulle o seguro e non o renovou.
Segundo os datos facilitados polos propietarios, en total, no roubo leváronlle obxectos valorados nuns 55.000 euros e non todo logrou ser recuperado. Colleron da casa 600 euros que o propietario tiña nun sobre no pantalón, 6.000 euros que se atopaban na caixa forte, un gran número de xoias, varios abrigos e chaquetones de peles, tres bolsos de pel, unha cubertería de prata, unha fonte de prata, unha cámara de fotos e un portátil.