Sanxenxo detecta problemas de seguridade nos colectores soterrados e busca solucións
Por Redacción
Os colectores soterrados de Sanxenxo presentan un alto nivel de corrosión que provoca que as operacións de enganche leven un alto risco de caída en altura para o persoal que os manipula. Esta é a conclusión á que chegou a auditoría realizada polo Concello a todos os colectores, tanto os precintados como os que seguen en uso, dada a coñecer este mércores.
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba; o alcalde, Gonzalo Pita; e o concelleiro de Economía e portavoz do goberno, David Otero, revisaron o estado dos colectores e anunciaron que o goberno local precintou as illas máis deterioradas e xa empezou a traballar nunha solución definitiva a este problema, que pasa por un contrato de mantemento que inclúa a reposición de todos os elementos danados.
Coral González-Haba insistiu en que a seguridade dos operarios é unha prioridade para o goberno local e anunciou que e contrato exposto tería unha duración de seis anos e inclúe o mantemento preventivo e correctivo coa reposición de todas as pezas necesarias. Ademais, traballan xa en solucións alternativas, entre elas a contratación por catro anos, para garantir que os colectores estean a funcionar este verán.
Na visita a varias das illas situadas no centro urbano, puideron comprobar o óxido das instalacións, o mal funcionamento dos rodamentos ou as anomalías no sistema de elevación e sinalaron que herdaron esta situación do goberno anterior.
Segundo a súa explicación, as primeiras illas foron instaladas hai aproximadamente 16 anos, período durante o cal os contratos de mantemento asinados por gobernos do PP incluíron exclusivamente tarefas de lavado, engrase e substitucións superficiais. En total, foron 288.000 euros "tirados, porque non serviron absolutamente para nada; e permitiron que a deterioración fora cada vez maior".
A edil indicou que precisamente a falta de seguridade motivou o precinto da illa situada na avenida de Madrid. A finais de marzo de 2016 a empresa adxudicataria da recollida de residuos comunicoulles por correo electrónico que a tapa dun destes colectores caeu cando un operario se atopaba manipulando o equipo e foi parada polo guindastre. Tras ese incidente, precintouse.
Gonzalo Pita reiterou este martes a súa sorpresa polo boicot do PP a esta proposta, ademais dos superficiais argumentos esgrimidos no pleno por Paz Lago e anunciou que chamou ao portavoz 'popular', Telmo Martín, para darlle a coñecer o resultado da auditoría nunha reunión previa á comisión informativa, pero enviou a outro edil, Marcos Guisasola, que si recoñeceu que era necesario un investimento. A pesar de todo, no pleno, Paz Lago votou en contra.
Relacionadas:
-
Sanxenxo contratará un servizo de mantemento dos contedores soterrados
Por Redacción |
-
Medio Ambiente repara os colectores soterrados
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín di que o goberno local de Sanxenxo "chora en público o que non é capaz de negociar"
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo propón un contrato de seis anos para mantemento dos colectores subterráneos
Por Redacción |