Tres novos detidos na operación 'Terrón Dulce' contra o tráfico de drogas
Por Redacción
A operación 'Terrón Dulce' contra o tráfico de drogas desenvolvida entre finais de febreiro e principios de marzo polo Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) da Policía Nacional con 24 detidos sumou este mércores tres novos arrestos na comarca do Salnés.
A primeira fase do operativo permitiu desarticular unha rede internacional dedicada ao tráfico de cocaína que pretendía instaurar unha nova ruta cara a España por vía marítima e saldouse coa incautación de 2.400 quilogramos de cocaína en Galicia e Madrid.
Entre os 24 detidos daquel momento atopábanse os dous máximos responsables da 'oficina' que os narcotraficantes colombianos pretendían abrir en España e o Greco logrou determinar que a organización contactaba con grupos locais de traficantes de cocaína para vender a droga por xunto.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou que está previsto que os tres detidos pasen a disposición do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo que leva a operación este venres 31. Todos os detidos son galegos, pero non transcenderon de momento máis datos.
O TSXG tamén confirmou que se realizaron rexistros nas zonas de Vilagarcía e Cambados e outras fontes sinalaron que serían, en concreto, en Barrantes, no Concello de Ribadumia.
A operación, que este mércores chegou á segunda fase, é froito dunha investigación iniciada no ano 2016, cando os investigadores detectaron a presenza en Galicia e Barcelona dun coñecido traficante colombiano que, entre outras actividades, estaba a buscar puntos de entrada de droga en España vía marítima. Este individuo está considerado como un dos substitutos dun dos maiores traficantes da zona de Catatumbo e Norte de Santander (Colombia).
Nesa primeira fase do operativo houbo 24 detencións, das que cinco foron en Pontevedra, dúas nun espectacular arresto no supermercado Lidl da avenida de Vigo.
Relacionadas:
-
Efectivos do GRECO con metralletas entran no Lidl da avenida de Vigo para deter dous presuntos narcos
Por Redacción | Creada e actualizada