O Partido Popular local reclama ao goberno de Lores a acollida de refuxiados
Por Redacción
O Partido Popular local denuncia que o goberno municipal de Fernández Lores non alcanzou acordos para colaborar coa acollida de persoas refuxiadas a través do Concello de Pontevedra.
A concelleira popular María José Rodríguez Teso cualificaba de lamentable que o BNG non se puxo en contacto coa Fegamp nin co Ministerio do Interior para ofrecer prazas de acollida. Desde o PP reclaman que o Concello mostre a súa disposición para poder ofertar esas prazas.
Rodríguez Teso apunta que outros concellos xa se ofreceron a colaborar, como é o caso de Ribeira ou de Ourense, ademais doutros 53 municipios galegos. "Os feitos falan máis que as intencións", indica a concelleira popular que tamén critica que o concello pontevedrés non se adheriu ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, a pesar do acordo plenario adoptado fai dez meses.
Os populares sinalan que Pontevedra ofrece uns orzamentos precarios en servizos sociais, apuntando que só destina 35,75 euros por persoa a gasto social fronte á media española que supera os 60 euros por habitante. E lamenta a falta de garderías infantís e de residencias para persoas maiores de carácter municipal.