Vilagarcía pecha un acordo para usar dous solares na avenida de Cambados como aparcadoiro público
Por Redacción
O goberno local do Concello de Vilagarcía chegou a un acordo cos propietarios de dous solares na Avenida de Cambados para que poidan ser utilizados libremente como estacionamentos públicos.
As parcelas suman unha superficie de 3.722 metros cadrados e atópanse a uns 40 metros da rúa Vista Alegre e a 5 minutos a pé do mercado e do centro da Praza de Galicia, polo que serán un bo servizo ás persoas que pretendan acceder a estas zonas.
Os terreos pertencen á familia Álvarez Conchado e se distribúen en dúas partes. A primeira con fachada pola Avenida de Cambados (de 2.250 metros cadrados) e a segunda cara a rúa Porto Rey (de 1.472 metros cadrados).
Aínda que na actualidade xa son varios os condutores que usan unha das parcelas como estacionamento, unha vez asinado o convenio nos termos acordados cos propietarios, o Concello encargarase de explanar os restantes para permitir o acceso de vehículos na totalidade das fincas.
O acordo cos propietarios xa é firme e estase a redactar o texto final do convenio para formalizarlo mediante a firma. Será entón cando o Concello inicia o acondicionamento dos terreos.
A ESCARDIA E O PIÑEIRIÑO
Este non é o primeiro acordo acadado polo goberno local para dotar a Vilagarcía de máis aparcamentos públicos. De feito, xa están asinados e sendo utilizados dous solares na zona da Escardia. Tamén se chegou a acordo coa familia propietaria dos terreos do Piñeiriño anexos ao colexio, acordo que permitiu completar a beirarrúa e habilitar unha gran bolsa de estacionamento para dar servizo ao centro educativo, ao barrio e ás instalacións multideportivas de Fontecarmoa.
O Concello xa conta tamén co permiso destes propietarios para a explanación definitiva dos terreos, traballos que comezarán en breve e permitirán rematar a actuación proxectada.