Xuíz de violencia de xénero: "En Pontevedra non podo dicir que houbese un descenso de denuncias xustificado coa crise"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Miguel Aramburu García-Pintos é o titular do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, órgano que dende 2011 asume todos os asuntos de violencia de xénero que se producen no partido xudicial. Viviu de cheo o impacto da crise e da suba das taxas xudiciais, dúas circunstancias que noutros puntos do país apareceron como causa dun descenso das denuncias nesta materia. Este mércores impartiu unha charla no curso de acceso á quenda de oficio especializado de violencia de xénero organizado polo Colexio de Avogados e asegurou que en Pontevedra non se constatou este descenso. Polo menos, por agora.
Nalgúns puntos de España apareceron recentemente estatísticas que sinalan que coa crise se produciu un descenso das denuncias por violencia de xénero. Notaron que sucedese o mesmo nos xulgados de Pontevedra?
Non, en Penal non. A sensación que temos é que chegan menos asuntos, pero, sen ter os datos na man, porque houbo conformidades previas nos xulgados de Instrución, pero non che podo dicir que houbese un descenso xustificado coa crise. Ese dato non o temos.
Neste sentido, percibiuse algún cambio dende a entrada en vigor das novas taxas xudiciais?
Non, a nós en principio non tiña que afectarnos por que non hai taxas en penal. Non tería por que afectar nada a suba das taxas no procedemento penal. No resto de procedementos algo baixou, pero non sei sabe se o motivo é porque os avogados aproveitaron para presentar demandas antes das taxas ou foi precisamente polas taxas. Evidentemente, vai baixar o número de asuntos de entrada en civil, social e administrativo, que son os que teñen taxas, pero haberá que esperar un pouco para ver exactamente canto.
"Evidentemente, vai baixar o número de asuntos pola suba das taxas, pero haberá que esperar un pouco para ver exactamente canto"
Dende a Fiscalía alertouse en diversas ocasións da retirada de denuncias por parte das vítimas de violencia de xénero cando chegan ante o xuíz. No caso do seu xulgado, teñen moitos casos nos que a vítima, cando chegan a declarar en sala, retiran a súa denuncia?
Non é que retiren a denuncia, atéñense ao dereito a non declarar, que é distinto. Moitas mulleres denuncian que foron vítimas dunha ameaza ou un maltrato e cando chegan ao xuízo non declaran; teñen o dereito legal a non declarar e non declaran; iso pasa moito. Os motivos no xulgado descoñecémolos. Moitas veces valorarán as circunstancias de se prefiren declarar ou non. O por que non declaran a min moitas veces a sensación que me dá é que pasou tempo, ven os feitos doutro xeito e prefiren non declarar, mesmo porque seguen convivindo con esa persoa e porque queren voluntariamente. Iso pode ser un suposto concreto. Os demais non podemos sabelo como xuíces exactamente por que a xente non declara, que sería o equivalente a retirar a denuncia.
Este curso no que se enmarca a súa charla vai dirixido a avogados da nova quenda de oficio de violencia de xénero. Xa se especializaran fiscais e xuíces e agora os avogados. De que forma axuda a especialización?
Coñeces mellor os asuntos, os problemas que se poden formular en concreto nas materias. Eu, por exemplo, agora o meu xulgado só leva violencia de xénero ou violencia doméstica e os problemas que se formulan sabes solucionalos mellor porque son sempre os mesmos. Tamén ten un problema, que te anquilosas só en saber determinadas materias, iso tamén é malo. Dende o punto de vista do xuíz, e tamén dos avogados, prefiro saber máis un pouco de todo e despois ter tempo abondo para preparar os temas en concreto cando se formulen problemas.
Non obstante, esta especialización si parece que resulta positiva no sentido de dar maior garantías ás vítimas.
Imos ver, eu creo que non debemos esquecernos que os xuíces tamén temos que defender os dereitos dos acusados porque son inocentes ata que o aclaremos en sentenza. A especialización garante? Si, garante porque podes saber mellor os problemas que se formulan e coñecer os tipos penais, pero creo que é mellor sistema, dende o punto de vista do xuíz, ter tempo para preparar ben os asuntos porque se un xuíz se especializa en facer unha determinada materia ao final só se especializa, por poñer un símil, en apertar parafusos. E un xuíz debe ter unha perspectiva máis ampla que iso.
A Toni Cantó: "para opinar hai que documentarse. Son moitos máis os asuntos de violencia sobre as mulleres que sobre os homes, que tamén os hai"
Recentemente resultaron moi polémicas unhas afirmacións en Twitter do deputado de UPyD Toni Cantó nas que asegura que a maior parte das denuncias por violencia de xénero son falsas e os fiscais non as perseguen e a que un terzo das mortes por violencia doméstica en España son homes. Que opinión lle merecen?
Imos ver, para opinar hai que documentarse. Evidentemente, este señor non se documentara correctamente. Eu, que levo violencia doméstica e familiar, vexo que son moitos máis os asuntos de violencia sobre as mulleres que sobre os homes, que tamén os hai, pero moitos menos. Pero eu non creo que se poidan equiparar, son situacións en principio distintas. Tamén é verdade que quizais un problema que se formula coa Lei de Violencia de Xénero é que se tratan todos os asuntos por igual. Feitos que pode ser que non teñan nun momento determinado unha relevancia tan elevada no Código Penal castíganse con nove meses de prisión. Unha discusión no seo dun matrimonio nun curso dun divorcio no cal se di unha palabra de máis que pode ser "como non me fagas isto, voute pegar" está castigado coa pena de nove meses de prisión e pode ser só un momento puntual naquela circunstancia. Quizais a pena nese momento sexa excesiva, pero cada asunto é distinto.
Vense moitos casos de violencia de xénero que o fiscal formula inicialmente como moi graves e cando chegan a xuízo rematan en conformidade co acusado e a pena redúcese de forma moi importante. Dende fóra, percíbese con certa incredulidade e ás veces causan indignación. Dende o punto de vista do xuíz?
Nas conformidades sempre se valora un pouco que é o que pasa. A posibilidade de conseguir a condena é un xuízo que fai o fiscal; se a proba é máis ou menos atinada e pode conseguirse unha condena ou non e valórase iso. E ás veces tamén se valora que os xuíces nunca sabemos por onde imos saír e os xuízos hai que facelos. Hai moitas veces que dixemos "este xuízo está claro" antes de entrar na sala polo pouco que sabemos e ao final o xuízo é todo o contrario. A conformidade tamén é boa por iso. Eu non creo que as conformidades sexan malas, en principio. Cada asunto é moi distinto. Ás veces si hai cousas que me chaman a escándalo, pero igual ves a causa e ves que a proba é moi feble e igual é máis doada unha conformidade, dende o punto de vista da acusación, que arriscarse a entrar en xuízo e que a sentenza sexa absolutoria. E dende a defensa pode suceder o contrario, que igual os feitos son máis graves do que ao principio parece, co cal a pena vai ser máis grave se celebro e non acepto unha conformidade.