Detida por roubar xoias no interior dunha vivenda en Bueu
Por Redacción
Unha veciña de Bueu de 36 anos e sen antecedentes policiais foi detida como presunta autora do roubo de xoias do interior dunha vivenda deste municipio.
A muller, P.P.C., foi arrestada pola Garda Civil e, despois de prestar declaración polos feitos dos que a acusan, quedou en liberdade con cargos. Ten a obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 2 de Marín cando sexa requirida.
A súa detención produciuse este mércores 10 de outubro e responde a unha investigación aberta pola Garda Civil hai máis dun mes. O 4 de setembro unha persoa denunciou a subtracción de diversas xoias no interior dunha casa de Bueu.
Axentes do posto do Instituto Armado desta localidade iniciaron as correspondentes investigacións e lograron identificar e deter a suposta autora. Tamén foron recuperadas as xoias subtraídas e entregadas aos seus propietarios.