Máis vendedores e unha maior variedade de produtos, atractivos do novo mercadillo de Barro
Por Alejandro Espiño
Apuntade a data. A partir deste domingo 2 de abril, Barro estrea o seu novo mercadillo. Máis dun centenar de vendedores participarán nesta feira, que a partir de agora pasa a estar xestionada directamente polo Concello.
As expectativas ante esta reestrea son "moi boas", segundo explicou a PontevedraViva o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. As solicitudes de vendedores "desbordan practicamente" todo o espazo dispoñible para o mercado.
Neste primeiro día de mercado municipal, na tarde do domingo, haberá unha oferta "importante" de produtos e, sobre todo, de novos vendedores que acudirán a Barro por primeira vez. A metade dos ambulantes xa participaban na feira actual, pero o resto será xente que "nunca viñera", lembra o alcalde.
"Estamos convencidos de que será unha feira bonita e animamos a toda a xente a que nos visite, que seguro que atopará ofertas de interese", destaca Fernández Abraldes, que celebrou a maior variedade de produtos que se poñerán á venda nesta nova etapa.
Para acoller a toda esta oferta, o Concello de Barro tivo que reordenar e reorganizar todo o espazo no que se instala a feira "porque senón ía ser difícil acomodar a todos". O alcalde explica que "espremeremos ao máximo" as posibilidades que ofrece esta zona "e non caso de que teñamos que ampliar estaremos preparados".
E é que este mercado ambulante, segundo o goberno municipal, será "algo dinámico". É dicir, a partir da feira do próximo 2 de abril, se existise unha maior demanda para montar máis postos poderíase ampliar. "Queremos que sexa un punto de encontro de vendedores e compradores e non imos a poñer límites ao mercadillo", afirma Abraldes.
Ademais, a feira supoñerá un maior beneficio para as arcas municipais. A actual empresa concesionaria pagaba unha taxa anual de 7.000 euros ao ano para xestionar o mercado, unha cantidade que o Concello espera recadar "con creces" nun só trimestre.
Iso si, Xosé Manuel Fernández Abraldes matiza que o cambio de xestión non responde a un criterio económico. O goberno municipal buscaba "normalizar" a situación da feira, de forma que todos os ambulantes que vendan os seus produtos fágano "con liberdade", sabendo que pagan unhas taxas "oficiais" marcadas nun regulamento "e sen ningún tipo de descontrol".
Relacionadas:
-
Barro congrega un cento de vendedores e milleiros de clientes no seu novo mercado ambulante
Por Diego Torrado |
-
Os máis de cen postos do novo mercado de Barro fan pensar nunha ampliación do espazo
Por Redacción |
-
O mercado ambulante de Barro volve a mans do Concello a partir de abril
Por Redacción |