Detido por ameazar a súa muller cun 'accidente' escaleiras abaixo
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 49 anos foi detido pola Policía Local na tarde do domingo por un delito de violencia de xénero por ameazar á súa muller no domicilio familiar con que podería ter un "accidente" no que caese polas escaleiras.
Segundo informou a Policía Local, todo ocorreu sobre as 16.00 horas deste domingo 26 de marzo nunha rúa de Pontevedra da que non se achegan detalles para preservar a intimidade da vítima. Unha muller chamou á Policía Local de Pontevedra asustada denunciando que estaba a ser ameazada polo seu marido diante dos seus fillos menores de idade.
Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e, cando chegaron, atopáronse cun home que resultou ser o marido na entrada da casa e ela no acceso á mesma, chorosa e asustada. Relatou aos axentes que o home a ameazara e temía que regresase a casa e provocáralle ese "accidente".
A muller engadiu que non era a primeira que a ameazaba, senón que facía bastante tempo que ocorría e que non aguantaba máis e temía pola súa vida. Á vista do seu relato, procederon á detención do home e o seu traslado á Comisaría da Policía Nacional por un delito de violencia de xénero.
Os fillos da parella, de 7, 12 e 15 anos, quedaron a cargo dunha amiga da familia e a presunta vítima formalizou a denuncia polas ameazas.