Unha parella acode á Policía Local para que lle quiten unhas esposas ás 05.00 horas da madrugada
Por Natalia Puga
Unha parella de pontevedreses de 37 e 38 anos acudiron na madrugada do domingo ao luns á Xefatura da Policía Local para unha petición sen precedentes: que os liberasen dunhas esposas que levaba postas nas mans o home.
Eran as 5.50 horas da madrugada e os axentes atopáronse cun home que chegaba encadeado e unha muller que o acompañaba relatando que minutos antes saíran a pasear o seu can pola zona do campus universitario e atopáronse estas esposas, de modo que se puxeron a xogar con elas.
Segundo relataron, atopáronas e fíxolles graza, de modo que a muller púxollas á súa parella. O problema chegou pouco despois, cando quixo quitarllas e non puido. Nun primeiro momento, acudiron ao vixiante de seguridade do campus, pero este relatoulles que non podía axudarlles e derivounos á Policía Local.
Os axentes liberárono e puideron regresar a casa. Ademais, fontes da Policía Local confirmaron que o vixiante do campus corroborou que a parella tamén pedira a súa axuda sen éxito.