Cubela responde ao PSOE que a reforma do roteiro Carballedo-Rebordelo está pendente de execución
Por Redacción
O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, respondía este martes ás demandas realizadas desde o grupo municipal socialista para que se mellore o roteiro Loureiro-Borela. Cubela indica que o tramo Carballedo-Rebordelo, pertencente a ese sendeiro, xa se atopa adxudicado e pendente de execución. A obra atópase contratada pero o presidente non especificou cando se iniciará a obra.
Cubela si sinala que se está traballando na recuperación da contorna do río Almofrei e que o tramo entre a piscina fluvial de Carballedo e o Pozo Negro, en Rebordelo, será a primeira zona onde se executen as obras.
O máximo responsable de Cerdedo-Cotobade pregúntase as causas desta reclamación do PSOE cando "saben que a obra está adxudicada" e sinalou que a xestión con gobernos socialstas sempre se caracterizou polo "abandono" destes espazos. "Parece que non contan con ideas propias para o municipio", expresou.
Jorge Cubela apuntaba que se está traballando no terreo turístico coa rehabilitación integral do roteiro de Foxo do Lobo en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas e cos proxectos de mellora dos carreiros de BTT para probas de bicicleta de montaña.