A reforma do Fogar do Pensionista de Cuntis custará 40.000 euros
Por Redacción
Os 140 asociados que, actualmente, ten o Fogar do Pensionista de Cuntis están de parabéns. A Xunta de Galicia e o goberno municipal chegaron a un acordo para financiar conxuntamente as obras necesarias para a mellora do inmoble. Os traballos custarán uns 40.000 euros, segundo a avaliación realizada polos técnicos autonómicos.
Así se anunciou tras a visita que realizou este martes ao edificio o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, que estivo acompañado polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Segundo lle trasladaron os responsables da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Cuntis ao delegado territorial, a principal necesidade do inmoble é o cambio da cuberta, así como a recuperación da fachada a través dunha nova capa de pintura.
Para a posta en marcha dos traballos acordouse a firma dun convenio de colaboración entre as dúas institucións de cara a que as obras sexan afrontadas ao 50% por ambas administracións, entre o que se incluirá a man de obra por parte do concello.
Nos próximos días, o Concello de Cuntis remitirá á Xunta de Galicia unha memoria sobre as actuacións necesarias no edificio de cara a que se poidan solicitar os permisos necesarios para a súa execución urxente.
O inmoble é propiedade da administración autonómica e foi cedido a esta asociación a través dun convenio. Nel celébranse habitualmente diversos actos lúdicos e formativos destinados aos maiores do municipio.