Bueu reforzará temporalmente a súa Policía Local con oito novos axentes
Por Redacción
O persoal da Policía Local de Bueu incrementarase de forma temporal ante as necesidades que presentará o municipio nos próximos meses, especialmente de cara á tempada estival. O Concello anunciou que se contratarán oito novos axentes.
En concreto, contrataranse catro auxiliares por un período de tres meses, dous auxiliares por dous meses e outros dous auxiliares por un período de seis meses.
As bases xa se atopan dispoñibles na web municipal, aínda que o prazo de presentación das solicitudes será de cinco días hábiles, a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Todos os interesados terán que pasar por unas probas selectivas.
Na primeira comprobarase a estatura e diversas aptitudes físicas, concretamente realizarase unha potencia tren inferior ou salto vertical e unha carreira de 1.000 metros lisos coa que se comprobará a resistencia xeral.
A continuación, desenvolveranse as probas de coñecementos, que consistirán nunha avaliación dos contidos do temario, unha proba específica sobre o termo municipal e a toponimia local, e unha proba de coñecemento da lingua galega.
O temario sobre o que se terán que examinar os admitidos inclúe o municipio, as ordenanzas, regulamentos e bandos, a lei de coordinación de policías locais de Galicia, os tipos de delitos e faltas, a lei de seguridade viaria, as normas xerais de circulación, a circulación por zonas peonís ou as características da policía como servizo público.
Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará unha proposta de contratación, e os aspirantes desenvolverán un curso de formación a cargo da Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada.