Condenado por ameazar a outro dentro dos xulgados: "¿y si me lo encuentro por ahí y le pego dos tiros?"
Por Natalia Puga
"Mira la cara de gilipollas que tiene ese de la alianza. ¿Y si voy y le pego dos hostias o me lo encuentro por ahí y le pego dos tiros?". Así se referiu un pontevedrés a outro na sala de espera do segundo piso dos xulgados da Parda e a frase -na literalidade sen interrogantes- custoulle unha condena por un delito de ameazas leves e o pago dunha multa de 150 euros.
O autor das ameazas é Arturo -nome ficticio- e a súa vítima, Baltasar -tamén nome figurado-. Segundo consta na sentenza condenatoria, o enfrontamento entre ambos xa viña de atrás. Arturo enviara previamente un whatsapp a Baltasar reclamando o importe dunha factura en nome da empresa que representa e, cando sentaron a negociar, o 8 de xaneiro de 2016, o avogado de Arturo trasladoulle a Baltasar que era conveniente que chegasen a un acordo na demanda civil pola que se enfrontaban, pois, en caso contrario, o seu cliente "menos quemar el edificio, podía hacer cualquier cosa".
Finalmente, chegaron aos tribunais e foi nese momento onde se produciu a ameaza. Ocorreu un mes despois, o 5 de febero de 2016, cando ambos se atopaban na sala de espera da segunda planta do edificio xudicial. Arturo dirixiuse ao seu avogado dicíndolle a frase que lle valeu a condena -"Mira la cara de gilipollas que tiene ese de la alianza. ¿Y si voy y le pego dos hostias o me lo encuentro por ahí y le pego dos tiros?"-, en clara referencia a Baltasar.
Unha testemuña escoitou esta expresión e animou a Baltasar a presentar denuncia. Finalmente, en xullo de 2016 o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra condenou a Arturo como autor criminalmente responsable dun delito leve de ameazas á pena de multa dun mes de duración con cota diaría de cinco euros, isto é, 150 euros.
O condenado mostrou a súa desconformidade coa sentenza e recorreu alegando indefensión e tentando desvirtuar o declarado pola testemuña das ameazas pola súa falta de imparcialidade. Con todo a Sección Cuarta da Audiencia Provincial acaba de ditar unha nova sentenza na que desestima o recurso presentado e confirma a condena previa.