De que nos queixamos os pontevedreses á Valedora do Pobo?
Por Oskar Viéitez
A valedora do pobo, Milagros Otero, presentou este luns o informe da súa oficina relativo ao ano 2016, no que se constata que Pontevedra é o cuarto municipio con máis queixas con 271 casos, moi lonxe das 50.469 que sitúan ao concello de Vigo no primeiro lugar da lista.
Maioritariamente os pontevedreses protestan polo "mal funcionamento da liña de autobuses Marín-Pontevedra-Vigo" que xerou 166 denuncias.
A valedora tamén atendeu outras queixas que lle chegaron desde a Boa Vila, algunhas relativas ao uso exclusivo do galego nos sinais de tráfico e tamén do castelán por parte do Complexo Hospitalario de Pontevedra, problemas detectados en vivendas públicas Valdecorvos, as dificultades para acceder aos cinemas a nenos con diabetes, problemas coa xerencia de persoal do Sergas e a seguridade viaria dos ciclistas.
Desde Sanxenxo rexistráronse protestas polas molestias de terrazas e bares, e en Marín polos ruídos das actividades industriais do Porto. E máis comúns ao resto de concellos da comarca son as queixas polos atrasos no pago de expropiacións e a demora nos casos de valoración de discapacidades.
A Deputación de Pontevedra é a administración que máis queixas acumulou durante o pasado ano entre as catro galegas, con 44 expedientes. Un total de 22 queixas dirixíronse contra o Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A valedora do Pobo manterá un encontro coa veciñanza de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian ante a Valedora do Pobo a opacidade do convenio da praza de touros
Por Oskar Viéitez |
-
A valedora do pobo pide maior conciencia de familias e autoridades sobre os menores nos botellóns
Por Redacción |
-
A Valedora do Pobo reúnese cos responsables dos cines de Vialia para regular o acceso dos nenos con diabete con mochilas
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman á Valedora do Pobo pola discriminación da Consellería de Educación
Por Redacción |