O conselleiro de Facenda informará os veciños de Bora sobre rebaixas fiscais
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra organiza un encontro coa veciñanza o vindeiro xoves 30 de marzo ás 20.30 horas no colexio O Pío de Bora para explicar todas as novidades da recente aplicación de rebaixas fiscais dentro do 'Programa Impostos Cero no Rural'.
En Pontevedra, son ata sete as parroquias beneficiadas por este novo paquete de rebaixas fiscais. En concreto, as parroquias de Alba, Verducido, Bora, Cerponzóns, Santa María e San Andrés de Xeve e A Canicouva, incluídas neste programa ao ser cualificadas como zonas pouco poboadas segundo o Instituto Galego de Estadística (IGE) que clasifica as parroquias galegas segundo o seu grao de urbanización .
Así, a partir deste ano, nestas parroquias pontevedresas os mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade que compren unha vivenda habitual non pagarán nin o imposto de transmisións nin o de actos xurídicos documentados.
O Partido Popular de Pontevedra vén de pechar co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García, a súa presenza para dar a coñecer de primeira man a todos os interesados este novo paquete de medidas de rebaixas fiscais.
"Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza no que queremos dar conta da importancia e impulso que a Xunta de Galicia lle dá ao rural galego e, en particular, ás parroquias de Pontevedra", sinalou este luns o presidente local do Partido Popular e portavoz municipal, Jacobo Moreira.