O PP de Pontevedra organiza unha subida á Romaría das Cabezas
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Pontevedra recupera a súa tradicional subida á Romaría das Cabezas a través da Ruta da Pedra e da Auga. Trátase de unha cita que organizan os populares desde que se inaugurou esta senda, en 2009, secundando deste xeito unha tradición histórica da comarca e da provincia.
Será o luns 17 de abril, día no que se celebra a popular festa da Armenteira. Sairán ás 10.00 horas desde a Rotonda dos Castiñeiros, e animan a sumarse a todas aquelas persoas que desexen facer esta peregrinación.
Esta ruta é un recurso que puxo en valor o PP a través dos gobernos da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Ribadumia e de Meis ainda que é o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen lle deu máis sona coas súas andainas.
A ruta inaugurouse en 2009, e serviu para acondicionar o camiño polo que tradicionalmente os peregrinos subían cada ano ata o Mosteiro da Armenteira.
Ademais desta actividade, o PP de Pontevedra tamén organizou hai unhas semanas no Salnés unha ruta para conmemorar o Día da Muller, cun percorrido pola senda fluvial entre Ponte Arnelas e Cabanelas, en Ribadumia.