Urxen a ampliación do persoal da Fiscalía de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O sindicato SPJ-USO solicita que de maneira inmediata se amplíe o persoal da Fiscalía Provincial de Pontevedra con catro funcionarios e advirte que a falta de medios materiais e humanos poden provocar o colapso deste órgano xudicial.
José Nilo Fernández Taboada, delegado do Sindicato profesional de Xustiza SPJ-USO Galicia, e en representación dos funcionarios que prestan os seus servizos na Fiscalía Provincial advertiu que en Pontevedra, a data de hoxe, é "inviable" que a nova oficina fiscal cumpra os seus obxectivos "por falta de medios".
Este sindicato alerta de que, na actualidade, o persoal coa que conta a Fiscalía de Pontevedra "conduce, inevitablemente, ao colapso laboral", xa que se trata do mesmo equipo humano que existía "décadas atrás", a pesar de que o volume de traballo "creceu de forma exponencial" e esta institución cobrou un "inusitado protagonismo" nos procedementos xudiciais.
A Fiscalía Provincial de Pontevedra, está composta por 22 fiscais, 2 integrantes do corpo de Xestión e 16 funcionarios do corpo de Tramitación, que teñen que atender ás necesidades dos Xulgados de Pontevedra e aos partidos xudiciais dos arredores da súa competencia (ademais de Pontevedra, Lalín 1 e 2, A Estrada 1 e 2, Cangas 1, 2 e 3; Caldas de Reis 1 e 2, Vilagarcía 1, 2 e 3 e Marín 1 e 2).
Como consecuencia das reformas do seu estatuto orgánico, a carreira fiscal experimentou no últimos dez anos un aumento significativo do número de fiscais, que, no caso de Galicia, supuxo máis do trinta por cento do seu persoal. Este incremento, con todo, non se viu reflectido na oficina fiscal, que permaneceu estable, sen alcanzarse a proporción de persoal funcionario por fiscal que se considera necesaria.
Desde o sindicato SPJ-USO indican que a ratio adecuada para garantir o despacho nos prazos legais e coas garantías necesarias seria de como mínimo un funcionario tramitando por cada fiscal, e a fiscalía de Pontevedra ten un desfasamento de 4 funcionarios (xestores ou tramitadores) menos do minimamente aconsellable.
Finalmente José Nilo Fernández apunta que a situación pode derivar en tensións laborais entre os funcionarios que xa están "sobrecargados de traballo e con esgotamento físico e mental e unhas condicións laborais indignas e degradantes", ademais do prexuízo á cidadanía en xeral, á Administración de Xustiza en particular, e ao dereito constitucional á "tutela xudicial efectiva".