Pontevedra reforza a súa posición no BNG liderado por Ana Pontón
Por Redacción
Cun apoio do 98,23% das bases, Ana Pontón foi reelixida este domingo como portavoz nacional do BNG. Foi nunha asemblea celebrada na Coruña, onde a formación nacionalista regresou 35 anos despois do seu nacemento para concluír un proceso que, tal e como sinalaron, serviu como refundación do partido.
Na apertura deste "tempo novo", como o describiu a propia Pontón, o BNG contará cunha ampla presenza de destacados dirixentes e militantes do partido en Pontevedra nos seus órganos de dirección.
Así, durante os tres próximos anos, entre os 19 membros da executiva nacional do BNG manteranse Carme da Silva, concelleira en Pontevedra; Montse Prado, deputada e un dos principais referentes do partido no Salnés; e o marinense Bieito Lobeira.
Á dirección do BNG incorpóranse Luís Bará, concelleiro en Pontevedra e deputado autonómico; a cuntiense Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas; Eva Vilaverde, deputada provincial e responsable comarcal do BNG en Pontevedra; e Susana Camba, histórica militante nacionalista na Estrada.
Esta nova dirección, explicou o BNG, consolida a renovación xeracional da formación sen renunciar á experiencia. Con eles á fronte, segundo Pontón, o partido traballará "fortalecido e cohesionado" para darlle a Galicia un goberno nacionalista. "En pé, forte e unido. Aquí está o BNG", dixo.
"Temos as portas abertas á sociedade, a todas as persoas que cren neste país, que traballan e loitan para erguelo, todas, absolutamente todas, teñen cabida nesta casa. As portas do BNG están abertas para todas as persoas que antepoñen os intereses de Galicia", destacou a portavoz nacional.
Ademais, na sesión de clausura interveu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que puxo en valor o traballo realizado polo BNG na Boa Vila como exemplo do camiño que debe seguir a formación nacionalista.
"Ningunha forza que non fora o BNG podería ter levado adiante a transformación de Pontevedra porque nós cremos no país", dixo Fernández Lores, que reiterou a necesidade de defender os sectores produtivos e as "potencialidades" de Galicia.
Relacionadas:
-
Xosé Luís Martínez, reelixido responsable local do BNG en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Demetrio Gómez releva a Eva Villaverde como responsable comarcal do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Ana Pontón, unha nena tranquila e estudiosa que chegou a facer os seus tenteos cantando
Por Marisa Ciordia |
-
Ana Pontón: "O actual modelo de financiamento fai perder ao Concello de Pontevedra 4,12 millóns de euros anuais"
Por Oskar Viéitez |