Deteñen dúas persoas polo roubo dun centenar de tubos de ferro nun viñedo de Portas
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Portas e outro de Vilanova de Arousa, como os supostos autores do furto dun centenar de tubos de ferro galvanizado, que foran subtraídos nun viñedo situado no municipio de Portas.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado as investigacións iniciáronse o pasado mes de febreiro cando un veciño do municipio denuncia no posto da Garda Civil de Caldas de Reis o roubo de 100 tubos de ferro galvanizado que tiña nun viñedo situado no lugar de Liñar, no municipio de Portas.
Ao valor dos tubos, que supera os 1.000 euros, hai que sumarlle os elevados danos materiais polas desfeitas que lle causaron na plantación.
As pescudas policiais deron o seu froito esta semana ao detectar un vehículo que transportaba unha importante cantidade de tubos con destino a unha leira da parroquia de Saiar en Caldas de Reis.
Ao chegar á leira onde ían ser reutilizados 56 destes tubos os axentes puideron comprobar que formaban parte da partida que fora subtraída e que o seu actual propietario compráraos sen coñecer a súa ilícita procedencia. Con todo, procedeuse á incautación dos mesmos para ser postos a disposición da autoridade xudicial.
As investigacións concluíron coa identificación e detención de A.C.R., de 30 anos, veciño de Portas e D.I.P., de 24, veciño de Vilanova de Arousa, como supostos autores do roubo, aos que se lles acusa da comisión dun delito de furto. En poder dun dos detidos incautáronse outros 15 tubos.
Unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, que se remitiron ao xulgado de instrución de garda de Caldas de Reis, os arrestados quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan requiridos.