Propoñen habilitar unha ruta de senderismo ao longo do río Almofrei dende Loureiro a Borela
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros do grupo municipal do PSdeG no concello de Cerdedo-Cotobade propoñen a realización dun proxecto para facer un ruta de senderismo ao longo do río Almofrei dende Loureiro a Borela.
Consideran que o seu é un dos municipios máis ricos en recursos paisaxísticos, etnográficos, forestais e culturais e "a súa posta en valor é primordial como reclamo turístico".
Os socialistas queren que se elabore un proxecto consistente nunha ruta de senderismo dende a parroquia de Loureiro, pasando por Carballedo, Rebordelo e rematando na parroquia de Borela, todo ao carón do río Almorfrei.
A voceira do PSdeG, Lina Garrido, cre que este proxecto permitiría a moita xente que practica senderismo, ciclismo ou atletismo, "unha ruta segura e libre do perigo que en moitas ocasións supoñen os vehículos para os peóns que transitan pola estrada Bora-Carballedo".
Pero sobre todo sería un "percorrido fermoso", xa que ao longo do mesmo se poden atopar diversos recursos arquitectónicos que merecen ser postos en valor, como muiños, pontes, pasos de auga como o de Pereiró, varias rutas de senderismo para enlazar con esta coma o roteiro do Salgueiro, do Foxo do Lobo, o que suporía "un percorrido cheo de encanto e de seguro moi concorrido".