Sanxenxo propón un contrato de seis anos para mantemento dos colectores subterráneos
Por Redacción
A corporación municipal abordará na sesión do luns a proposta do goberno local para contratar a posta a punto, reparación e posterior mantemento preventivo e correctivo dos equipamentos de colectores subterráneos de residuos sólidos urbanos.
Trátase dun contrato de seis anos de duración cun prezo de licitación que ascende a 93.654 euros ao ano, IVE incluído.
A Concellería de Medio Ambiente atopouse o verán de 2016 con 22 illas de colectores subterráneos que presentaban importantes avarías, algunhas das cales imposibilitaron que puidesen ser utilizados.
O Concello de Sanxenxo dispón de 44 unidades de colectores subterráneos dispostos en 22 emprazamentos nos que se agrupan varias destas unidades destinadas á recepción dos residuos das diversas fraccións.
O contrato de mantemento da anterior empresa adxudicataria non incluía a reposición de pezas e elementos danados, o que provocou que a deterioración destes colectores fose en aumento ata o punto de que moitos deles resultasen inoperativos, sendo necesaria un investimento superior aos 80.000 euros para poñelos en funcionamento.
A actuación incidirá en primeiro lugar sobre aquelas contornas urbanas e con maior concentración de hostalería e veciños, co obxectivo de que os colectores poidan ser utilizados canto antes.