Novos proxectos para Vilagarcía: zona verde, humanización e pista deportiva
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Vilagarcía ten en carteira unha serie de proxectos entre os que destacan a recuperación dunha degradada parcela de Almirante Fontán para crear unha zona verde, a humanización da Praza de Galicia e a instalación dunha pista deportiva nos Duráns.
Co primeiro dos proxectos os veciños de Vilaxoán disporán en pouco tempo dunha nova zona de recreo. Será na parcela municipal da rúa Almirante Fontán, onde o goberno local ten previsto actuar este mesmo ano para recuperar este degradado espazo.
A primeira medida será demoler a estrutura de formigón dunha obra inacabada dende hai anos, traballos que se financiarán a través do Plan Provincial de Obras 2017. Tamén con cargo a estes fondos, o Concello efectuará melloras na Praza de Abastos de Vilaxoán.
O goberno local tamén executará este mesmo ano a reposición da cuberta e pintado da Praza de Abastos, para o cal se aprobará un gasto de 50.397 euros. Estes dous proxectos serán aprobados na Xunta de Goberno do luns e forman parte dunha longa lista que inclúe ademais actuacións no rural, no marco da creación de emprego, na adquisición de maquinaria de traballo para o Concello, en programas de servizos sociais e en gasto corrente, que se darán a coñecer nos vindeiros días. Todo elo con cargo aos 1.397.028 euros que lle corresponden ao Concello de Vilagarcía dos fondos provinciais.
A obra de humanización da Praza de Galicia é a obra máis importante que o goberno local financiará este ano a través dos fondos provinciais que lle corresponden a Vilagarcía. A Xunta de Goberno aprobará o luns a inclusión no devandito programa desta e outras actuacións de diversos ámbitos, como a instalación dunha pista multideportiva no barrio dos Duráns.
No marco do Plan de mellora da accesibilidade nas instalacións municipais, 28.000 euros serán para instalar un ascensor no edificio da rúa Agustín Romero que alberga a sede do servizo de Emerxencias e da Escola Obradoiro. Como no caso da Praza de Galicia, o investimento será para a execución da obra, posto que o proxecto xa existe.
Outra actuación de pouco importe pero moi necesaria polos anos que levaba sen facerse é o pintado integral da escola infantil municipal da Lomba. Os 27.573 euros servirán para pintar o edificio tanto por fora como por todo o seu interior, o que mellorará notablemente a imaxe do centro e o fará máis acolledor tanto para os cativos como para os coidadores.
E dentro das actuacións de mellora da imaxe e a estética nas rúas da cidade, destinaranse 15.792 euros dos fondos provinciais á reparación e acondicionamento das farolas tradicionais nas principais rúas do centro urbano: Castelao, contorna da Alameda, Edelmiro Trillo e Praza de Ravella.