Tráfico investiga un condutor reincidente con dúas alcoholemias positivas na escasa marxe de seis horas
Por Redacción
O Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra investiga un veciño de Meis, E.M.B., de 50 anos, como suposto autor de senllos delitos contra a seguridade viaria, ao ser interceptado conducindo cunha taxa de alcol positiva. Seis horas antes, esta mesma persoa dera positivo noutra proba de alcoholemia que se lle fixo por mor dun accidente.
O primeiro contratempo xurdiu sobre as 22 horas do pasado xoves por mor dun accidente nas inmediacións da Igrexa de Praceres. Ao chegar ao lugar os efectivos de Tráfico e a pesar de que os danos materiais nos vehículos eran mínimos e non había feridos, observaron síntomas de embriaguez no condutor que parecía ser o responsable da colisión. Ao efectuarlle a proba de alcoholemia deu resultado positivo (1,28 mg/l).
Como consecuencia dos síntomas que presentaba este condutor e a elevada taxa que arroxara na proba e alcoholemia, instruíronselle dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria e procedeuse á inmovilización cautelar do vehículo, coa advertencia de que non podía mover o coche sen coñecemento previo da Garda Civil de Tráfico.
Unha hora máis tarde, a patrulla da Garda Civil Tráfico decidiu comprobar a situación do vehículo e decatáronse de que xa non estaba no lugar.
Alertadas o resto das patrullas de servizo foi localizado, catro horas despois, circulando en zigzag pola estrada de Pontevedra a Vilagarcía, á altura de Mosteiro.
Volveu repetir a proba de alcoholemia e nesta segunda ocasión superou a taxa da anterior, con 1,34 mg/l, o quíntuplo do máximo permitido pola lei, dando lugar a que se lle instruísen novas dilixencias por outro delito contra a seguridade viaria.
Relacionadas:
-
Inmobilizan o seu coche por triplicar a taxa de alcol e vólveno a atopar pouco despois ao volante
Por Diego Espiño |
-
Denuncian un mozo que circulaba en zigzag cunha taxa de alcol seis veces superior á permitida
Por Natalia Puga |
-
Unha condutora dá positivo en cocaína, anfetaminas, metanfetaminas e cannabis
Por Oskar Viéitez |