Os gastos de representación e de protocolo do goberno local de Sanxenxo serán amosados na web
Por Redacción
A web municipal de Sanxenxo publicará durante os próximos días a información relacionada cos gastos de representación e de protocolo vinculados ás actividades do goberno local actual e tamén os gastos daqueles concelleiros de anteriores mandatos que aínda formen parte da corporación municipal.
Esta publicación responde á petición realizada polo Partido Popular e o concelleiro non adscrito Roberto Agís reclamando a publicación das cantidades correspondentes a estas partidas. O goberno local sinala que esta petición buscaba estender o "rumor" sobre gastos nestes apartados.
O goberno local sinala que a actitude que se está desenvolvendo por parte dos concelleiros do goberno é "intachable e caracterizada por un uso rigoroso e respectuoso do diñeiro público, baixando ao máximo os custos en todo aquilo que foi posible".
Desde o equipo de goberno de Gonzalo Pita afírmase que viaxan en low cost mentres que en etapas anteriores os responsables do Concello caracterizábanse por "ir sempre en primeira clase".