Haberá nove paneis más en Poio para colgar carteis e avisos
Por Redacción
Hai dous anos o Concello de Poio declaroulle a guerra á proliferación de publicidade sobre o mobiliario urbano. O balance é positivo e logrouse controlar esta práctica incívica. Isto compaxinouse coa instalación de paneis informativos por todo o municipio. Nas próximas semanas colocaranse nove máis.
Os novos lugares que contarán con estes paneis son A Escusa, Caneliñas, o Parque da Memoria, a Escola do Campo, a biblioteca municipal, a avenida San Xoán (diante do supermercado DIA), Albar, Ferreirós e as inmediacións da oficina de correos.
O concelleiro Xosé Anxo Lodeiro recorda que ata do agora se teñen colocado 41 paneis repartidos por todo o concello.
Todos eles están destinados á colocación de carteis informativos e publicidade para así evitar que se coloquen de forma indiscriminada sobre o mobiliario urbano ou os bens afectos aos servizos públicos como marquesiñas dos autobuses ou os contedores do lixo.
A proliferación de carteis e publicidade nos sitios non autorizados, recordan desde o goberno municipal, produce a sucidade e a falta de ornato nos espazos públicos. A súa eliminación e limpeza supón ademais un custe extra para o concello.
Tal e como vén recollido na ordenanza xeral de limpeza e medio Ambiente aprobada polo pleno municipal o 30 de outubro de 2001, está prohibido a colocación e pegada de calquera tipo de carteis publicitarios, salvo nos lugares así autorizados.