A Escola Naval Militar acolle o sorteo da Lotería Nacional
Por Oskar Viéitez
A Escola Naval Militar de Marín acollerá este sábado ás 13.00 horas o sorteo da Lotería Nacional con motivo do 300 aniversario da Real Compañía de Gardamarinas.
Para este sorteo póñense á venda dez millóns de décimos nun billete conmemorativo coa reprodución da Porta de Carlos I, acceso principal á escola de oficiais da Armada.
A presidenta de Loterías y Apuestas del Estado, Inmaculada García, presentou este venres na Escola Naval esta edición "viaxeira" do sorteo nun acto no que estivo acompañada do comandante-director da Escola, José María Núñez, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Inmaculada García convidou os marinenses a asistir a este sorteo especial realizado polos nenos do colexio de San Ildefonso, ademais de escolares de Marín que este venres ensaiaban ante os bombos do sorteo. A entrada será libre ata completar o aforamento do Casino de Alumnos da Escola Naval Militar.
A entrada será libre ata completar o aforamento do Casino de Alumnos da Escola Naval Militar
Repartirase o 70 por cento da emisión dos 42 millóns de euros dispoñibles en premios. Aínda que Loterías y Apuestas del Estado ten 10.900 puntos de venda a presidenta deste organismo destacou que este tipo de sorteos especiais incrementan notablemente as vendas na localidade que o acolle, apuntando que "no sería la primera vez que toca en la localidad donde se sortea, o cerca de ella".
Segundo anunciou o comandante da Escola Naval, José María Núñez, aproveitarase o evento para realizar outro sorteo, neste caso cun premio de 4.000 euros, entre as organizacións non gobernamentais e sen ánimo de lucro que desenvolven un labor social nesta vila.
300 ANIVERSARIO
Este sorteo especial da Lotería Nacional forma parte dos actos de celebración do 300 aniversario da Real Compañía de Gardamariñas que tamén incluirán outras actividades como unha exposición temporal no Museo Naval de Madrid que será inaugurada o 7 de abril polo almirante xefe do Estado Maior da Armada.
Tamén se disputará unha regata internacional en augas da ría de Pontevedra, ademais dunha carreira popular e unha competición infantil na vila de Marín, e unhas Xornadas de Historia Marítima en Madrid.
A Fábrica Nacional de Moeda e Timbre incluíu no seu programa de 2017 unha moeda coa imaxe do Rey Felipe VI, e no reverso a Porta de Carlos I da ENM. Tamén está prevista a emisión dun selo conmemorativo, pola Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, coa imaxe de gardamarinas desfilando.