Un home de 46 anos, detido por desvalixar vivendas á venda no Grove
Por Redacción
Oito roubos nos que o valor do material subtraído e os danos ocasionados superan os 400.000 euros. Son os feitos que se lle imputan a un veciño do Grove, de 46 anos, que foi detido pola Garda Civil como o presunto autor destes roubos con forza, cometidos en diferentes urbanizacións da localidade pontevedresa.
A investigación, que coordinaron efectivos da Garda Civil de Sanxenxo, iniciouse por mor das denuncias presentadas polas empresas administradoras de varias urbanizacións. As vivendas afectadas estaban en fase de venda e entrega aos seus propietarios e sufriran diversos roubos e numerosos danos.
Así, o obxectivo dos roubos era apropiarse de electrodomésticos, bañeiras de hidromasaxe, portas seccionais de garaxes, mobiliario, sistemas de calefacción, portas interiores ou sistemas eléctricos, entre outros materiais.
Os axentes, tras realizar un seguimento ao teléfono móbil do detido, puideron comprobar como, unha vez cometidos os roubos, vendía o material subtraído nas redes sociais, a través de páxinas de anuncios gratuítos a prezos moi inferiores ao seu valor.
No marco desta operación, denominada Venturi, logrouse interceptar algún dos efectos que serían vendidos polo agora detido a outro mozo de Sanxenxo que, á vista do baixo custo, decidiu adquirilos.
Tras un rexistro domiciliario, localizáronse portas de madeira, lavabos, pedestais, mobles de cociña e sistemas eléctricos cun valor superior aos 33.000 euros, que se correspondían cos materiais roubados nas urbanizacións.
A Garda Civil non descarta máis detencións respecto dos propios autores ou receptadores doutros efectos pendentes de localización.
O detido foi posto a disposición do xulgado de instrución número 3 de Cambados, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.