As vivendas baleiras de Marín, en aluguer para familias con dificultades económicas
Por Redacción
Os inmobles desocupados de Marín destinaranse a alugueiro social para familias en dificultades. Será posible deste este venres porque o Concello formalizou a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados.
O importe do aluguer dependerá das características da propia vivenda e das circunstancias particulares dos beneficiarios, pero froito do convenio asinado este venres pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, o prezo máximo da renda do aluguer destes inmobles de Marín será de 300 euros.
Os inmobles estarán dobremente asegurados pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.
A Xunta insistiu a través dun comunicado que con este dobre seguro evitaranse problemas como os que teñen trasladado no pasado distintos colectivos sociais, que teñen dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias con problemas.
Trátase, polo tanto, de que o alugueiro resulte de interese para o arrendador y para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.