Os socialistas organizan un debate "aberto e plural" sobre a custodia compartida
Por Redacción
A Casa da Campás acollerá este venres 24 de marzo, ás 19.30 horas, un debate sobre a custodia compartida. Está organizado pola agrupación socialista de Pontevedra e nel participarán representantes de diferentes eidos sociais, con posturas e favor e en contra de que este réxime de custodia dos fillos sexa o prioritario en caso de separación dos pais.
O debate sobre a custodia compartida está, segundo os socialistas, máis vivo que nunca na rúa e ocupa espazos de debate nos diferentes parlamentos a raíz de diversas iniciativas cidadás, como a Iniciativa Lexislativa Popular que en Galicia impulsa a Asociación Galega de Pais e Nais Separados.
A xornada arrancará coa intervención de Rosa María Ibarra, deputada do PSC e portavoz deste partido na Comisión de Xustiza do Parlamento de Cataluña. Ela será a encargada de relatar a experiencia vivida nesta comunidade autónoma, que en 2010, co PSC á fronte da Generalitat, se converteu na primeira autonomía en contar cunha lei de custodia compartida.
Xunto con ela, debaterán Carmen Cajide, en representación da Rede Galega pola Igualdade; Lois Toirán, da Asociación Galega de Nais e Pais separados; Yoya Neira, concelleira do PSdeG-PSOE na Coruña e Margarita Rey, avogada pontevedresa especialista en dereito de familia.
Actuará como moderadora Patricia Vilán, viceportavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia e secretaria de Organización dos socialistas de Pontevedra.
O acto, aberto a todo aquel que se queiran achegar, pretende ser un foro "aberto e plural" que axude a debater con argumentos de maior calado e coñecemento da realidade sobre o impacto social e familiar da custodia compartida.