As Rías Baixas abónanse á choiva, pero con menos frío
Por Redacción
As Rías Baixas seguirán abonadas á choiva durante a fin de semana e os primeiros días da próxima semana. Despois dun inicio da primavera pasado por auga, a partir deste venres 24 de marzo e durante os próximos días prevense ceos con nubes e claros, pero coa particularidade de que haberá precipitacións tódolos días.
Segundo as previsións de Meteogalicia, esta situación seguirá durante toda a fin de semana. O sábado a choiva agárdase para as últimas horas do día e o inicio da noite mentres que o domingo a auga chegará xa pola tarde.
En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con mínimas que ascenderán moderadamente despois de días de moito frío e máximas que se manterán sen cambios. Para este venres as mínimas poden ser de ata 3 graos, pero irán subindo e o sábado xa non se agarda que os termómetros baixen dos 5 graos e para o domingo non marcarán menos de 9
Despois da fin de semana, a situación mellorará, pero non moito. Os primeiros días da vindeira semana chegarán con aire frío nas capas altas da atmosfera, polo que continuará a haber unha alta probabilidade de precipitación tipo chuvasco.
Xa co avance da semana comezarán a soprar ventos do suroeste, polo que a posibilidade do achegamento das baixas presións coas súas frontes asociadas é alta. As temperaturas continuarán frías ata o martes e a partir do mércores iranse recuperando progresivamente.