O PP de Poio cre que a falta de choivas e as averías non xustifican o "enorme aumento da auga" que se compra a Pontevedra
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular en Poio ven observando con preocupación un "forte incremento" no volume de auga que se compra a Pontevedra por parte de Viaqua, polo que "sospeitan" que "non se están utilizando ao 100% os depósitos de auga e as reservas propias de Poio e situadas no municipio, o que podería repercutir nas finanzas municipais".
Segundo os datos manexados polos populares, a factura da auga comprada a Pontevedra subiu máis dun 5,31% entre 2015 e 2016 (o último ano completo), pasando de 154.740,04 euros a 162.961,34 euros.
A concelleira do PP Rocío Cochón chamou a atención en particular sobre os datos dos primeiros dous meses de 2017, nos que o importe en auga mercada do concello de Pontevedra ascendeu a 20.148,12 euros, "o que supón un 46,30% máis que no mesmo periodo de 2015".
Para os populares, este "aumento desmesurado xera serias dúbidas de que a auga de Poio non se estea a aproveitar e se estean comprando innecesariamente grandes cantidades de auga a Pontevedra".
A edil popular preguntou na pasada comisión de urbanismo a que se debe este aumento nas compras ao municipio veciño e pedíu que se identificasen os depósitos situados en Poio que se están a utilizar actualmente.
Segundo as explicacións do enxeñeiro municipal, este aumento nas compras a Pontevedra veñen motivadas pola escaseza de choivas e polas averías na rede de suministros de Poio. O técnico municipal, ademais, identificou os depósitos de Boa Vista, Albar, Sartal, Pomar, Teinogueira e Serpe como reservas en Poio.
Porén, os populares consideran que "a falta de precipitacións non é xustificación suficiente para o enorme aumento da auga que se compra a Pontevedra, e máis considerando o aumento descomunal en xaneiro e febreiro de dous anos para aquí, e non se pode dicir que sexan meses secos, precisamente", explicou Cochón, que anunciou que pedirá "un informe completo" do enxeñeiro municipal e da empresa Viaqua sobre "as causas e as consecuencias" deste notable incremento.