Uxío Benítez lamenta que os populares insistan publicamente en realizar obras ilegais
Por Oskar Viéitez
"O PP provincial perdeu o rumbo", así o manifestou este xoves o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, ante as críticas pola anulación do proxecto da variante de Rebón en Moraña. O nacionalista asegura que resulta "lamentable" que os populares insistan publicamente en realizar obras "manifestamente ilegais" como a proxectada polo anterior goberno provincial para a EP-0503.
"Non imos levar adiante obras que teñen manifestas irregularidades e que son grandes chapuzas de tramitación", dixo o deputado "sorprendido" logo de ver a membros do PP "realizando actuacións 'callejeras' con carteis de protesta".
O proxecto da variante para o núcleo de Rebón foi anulado no mes de xullo pasado por ter "graves irregularidades". Entre outras deficiencias, non tiña informe de Augas de Galicia a pesares de canalizar un regato, carecía de avaliación ambiental e tampouco dispoñía de informe de Patrimonio a pesares de pasar pola fronte dunha igrexa románica do século XII.
Ante esta situación, solicitárase informe ao arqueólogo provincial, que concluíu que as obras afectaban "de forma inaceptable ao patrimonio cultural de Galicia", xa que, entre outras cousas, supoñían movementos de terras e creación de noiros de 15 metros de altura apenas 50 metros diante da propia igrexa. Así mesmo, o anterior proxecto "non estaba xustificado tecnicamente nin polo tránsito de vehículos", cunha intensidade media diaria por baixo dos 500 coches ao día.
O deputado, así mesmo, lembra que no mes de outubro se presentou á alcaldesa de Moraña unha proposta alternativa "para reformar de xeito integral a estrada, mellorar a seguranza viaria e garantir unha mobilidade sostible".
O proxecto, que supera os 415.000 euros, incluía plataformas elevadas nas interseccións, redutores físicos de velocidade, pavimentos diferenciados e zonas 30, así como tratamentos singulares en espazos como o acceso á igrexa, a parada do bus ou a zona do lavadoiro. Incluía a renovación total das canalizacións de augas pluviais para resolver a problemática actual de asolagamentos e tamén a instalación de nova iluminación.
"Estamos a resolver grandes chapuzas do anterior goberno. Propoñemos proxectos alternativos, reais e factibles. Que o PP insista en facer obras ilegais de xeito reiterado resulta lamentable", subliñou Benítez.
Relacionadas:
-
O PP cambia o cartel que anunciaba as obras da variante de Rebón polo de obra paralizada
Por Redacción |
-
O BNG acusa á alcaldesa de Moraña de querer "manipular aos veciños de Rebón"
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Moraña pide que se retome o proxecto de reforma de Louzán para a estrada de Rebón
Por Redacción |
-
Novo proxecto de reforma integral da estrada de Rebón en Moraña
Por Oskar Viéitez |