Adxudican as obras para a reforma de Ponte Zapal
Por Redacción
Ponte Zapal converteuse nunha zona con complicacións de carácter urbanístico. A capacidade da ponte e de desaugadoiro non se corresponde coas necesidades reais, segundo sinalan desde o goberno local de Marín. Por este motivo, a Xunta de Goberno local aprobou a adxudicación das obras de reconstrución da ponte e a urbanización da rúa Ponte Zapal.
A construción do novo centro de saúde e a recuperación da canle do río terminaron convertendo esta contorna nun punto de tránsito urbano que, ata hai pouco tempo, era inexistente.
Segundo indica o propio goberno de María Ramallo, a ponte é un pequeno pontón construído con viguetas prefabricadas. Con todo, historicamente era un punto de entrada á poboación. Está previsto que a antiga cimentación sexa respectada na reforma que se vai a levar a cabo.
Na actualidade, a rúa Ponte Zapal inúndase en épocas nas que se rexistran crecidas do río. Segundo explica o goberno local, a solución que se ofreza deberá asumir a inundabilidade desta zona ante as dificultades para subir a cota do taboleiro. A capa de comprensión da ponte será de formigón impreso co menor canto posible.
Tamén está previsto o aumento de capacidade de desaugadoiro conseguido. Estímase que na actualidade, a construción é capaz de desaguar a crecida asociada ao período de retorno de cinco anos. A solución que se quere adoptar permitirá que a capacidade de descarga sexa de períodos de retorno comprendidos entre os 25 e os 50 anos. Eliminaranse verteduras ao colector conectando a rede procedente da rúa Busto con cálea Calzada.
Por outra banda, a zona contará cunha nova iluminación substituíndo os actuais postes por farois. Construirase un pavimento de lastras enmarcadas nun lousado de pedra, similar ao que se utiliza noutras vilas con zonas históricas.
A obra, cofinanciada polo Ministerio de Fomento e pola Deputación Provincial, foi adxudicada á empresa Ediserpo, S.L., por un importe que supera os 188.639 euros. O goberno municipal espera que estes traballos conclúan a reforma desta contorna.