Concentración ante a Subdelegación para reclamar mellor emprego e salarios dignos
Por Redacción
Unha trintena de delegados sindicais de UGT e de Comisiones Obreras concentrábanse este xoves 23 ao mediodía ante a Subdelegación do Goberno co obxectivo de reclamar emprego de calidade, salarios dignos e a recuperación de dereitos sociais.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, denunciaba as dificultades que se están atopando para alcanzar acordos cos empresarios. Neste sentido manifestaba que no últimos tres anos rexistrouse un crecemento económico e con todo, a precariedade segue afectando as economías domésticas dun amplo conxunto da cidadanía.
Ante esta situación, as forzas sindicais reclaman un cambio de políticas co obxectivo de atender os requirimentos que garanta que a economía flúa entre a clase traballadora. Sinala que desde 2008 os postos de traballo nas empresas reducíronse nun 30%.
Pola súa banda, José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., lamentaba a situación de atasco que se está rexistrando na negociación colectiva. Indica que a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) mantén unha postura intransixente e non avanza na procura dun acordo marco que permita negociar os convenios estatais, autonómicos e de empresa. Segundo apuntaba, a diferenza atópase nos incrementos salariais e a oferta da patronal resulta insultante.
Por este motivo, Comisiones Obreras e UGT fan un chamamento aos cidadáns para que participen das manifestacións e actos de protesta, ao entender que se trata da forma máis eficaz de evitar a perda de dereitos sociais e laborais.