Condenan a un home a dous anos de prisión por facer tocamentos a unha menor
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra ditará sentenza condenatoria contra un home que este xoves confesou ante o tribunal que fixo tocamentos a unha menor. A admisión do delito chegou despois de que a Fiscalía, a acusación particular e a defensa do procesado, alcanzasen un acordo de conformidade, polo que a Sala ditará sentenza nos mesmos termos pactados renunciando as partes a calquera reclamación posterior.
Segundo consta no escrito de acusación este home, na tarde do día 8 de novembro de 2015, cando se atopaba traballando na localidade de Ponteareas, "con ánimo de satisfacer o seu libido", achegouse á nena, que contaba con once anos de idade, e, rodeándoa co brazo por detrás, meteu a súa man dentro do pantalón da menor ata tocarlle o cu, momento no que a nena se apartou bruscamente e díxolle que parase.
O relato que fai o Ministerio Público continúa sinalando que momentos máis tarde, o acusado "con igual ánimo" achegouse de novo á menor e, agarrándoa de novo polos brazos desde atrás, meteu a súa man por dentro do pantalón tocándolle o cu e alcanzando a vagina, aínda que non chegou a tocala plenamente. O acusado tamén lle tocou os peitos por fóra da roupa.
Estes feitos son constitutivos dun delito de abusos sexuais sobre persoa menor de idade dos que o acusado se confesou autor polo que se lle impón unha pena de dous anos de prisión. Inicialmente a Fiscalía solicitaba tres anos de cárcere.
Tamén se lle impón a prohibición de aproximarse á vítima a unha distancia inferior a 200 metros por tempo de tres anos e deberá indemnizala na cantidade de 3.000 euros, así como o pago das costas.
Relacionadas:
-
O fiscal retira a acusación contra un dos sospeitosos dunha agresión sexual múltiple en Lalín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un xuízo por violación a unha nena de 9 anos saca á luz máis vítimas: "Eu sufrín acoso por parte desta persoa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido un pedófilo pontevedrés nunha macroperación contra a pornografía infantil
Por Oskar Viéitez |