Xa está en obras o local que acollerá os servizos sociais de Bueu
Por Redacción
Un local de 226,45 metros cadrados. É o espazo que ocuparán en breve os servizos sociais do Concello de Bueu. As obras para acondicionar esta oficina xa comezaron. Teñen un orzamento de 20.328 euros e corren a cargo da empresa Acry de Promociones y Obras S.L.U.
Neste local, cuxa reforma asume integramente o Concello, se creará unha sala de reunións, cinco despachos, dous aseos -un deles adaptado-, e unha zona de entrada para dous administrativos.
Segundo apuntaron os responsables da empresa, é case seguro que as actuacións rematen a comezos de maio.
A nova sede dos servizos sociais de Bueu está situada na rúa Eduardo Vincenti e pertence a Abanca, a quen se lle adxudicou na sesión plenaria do mes de marzo de 2016 por un importe de alugueiro de 605 euros, con IVE, por un prazo de cinco anos.
O local en cuestión cumpre con todas as características que se esixían nos pregos. Está dentro do casco urbano de Bueu, ten acceso directo desde a rúa, é unha planta baixa e está a unha distancia máxima de 200 metros do Concello.
Os servizos que se van localizar aquí son os servizos sociais, que actualmente están na primeira planta da Casa do Concello, e o Centro de Información á Muller, que se sitúa nun apartamento dun edificio próximo.