Os pontevedreses procrastinan as reservas das viaxes para Semana Santa
A Semana Santa xa está ao virar a esquina e para moitos é o momento de "recargar as pilas" e afastarse uns merecidos días da rutina e o traballo. Pero, con canta antelación planean as súas viaxes os pontevedreses? Cales son os destinos preferidos? Canto adoitan gastar?
Os destinos preferidos seguen sendo os clásicos de sempre, con predilección polas illas como Canarias ou Malta, o Algarve e a zona norte de Portugal, Madrid e as capitais europeas.
As datas preferidas para viaxar adoitan ser entre mércores e domingo. E na súa maior parte, debido a que son poucos días, tenden a escoller destinos próximos. Viaxan tanto persoas maiores como a xuventude, aínda que a media para a xente nova acostuma ser de 30 para arriba, "porque suelen tener un trabajo más estable" explicaba David Neira, de Viajes 365 Días.
As familias, aproveitando que os pequenos non teñen clase, decántanse por destinos máis de relax e praia, do mesmo xeito que as persoas maiores, e prefiren o Algarve ou as illas. Mentres que no caso das parellas ou xente máis nova que viaxa en grupos ou soa, estes elixen escapadas ás capitais de Europa, como Berlín, Roma ou París.
Con respecto a outros anos, estase a notar unha mellora, "los viajes tienden a ir al alce" cóntannos en Viajes 365 Días. Aproximadamente, os pontevedreses gastan unha media de entre 600 e 1.500 euros nas súas viaxes de Semana Santa. E o feito de que este ano coincida en abril e non en marzo non é algo negativo, en realidade ao contrario. "Normalmente siempre favorece que caiga un poquito más tarde", sinalaba unha traballadora de Viajes Rascado.
Os pontevedreses gastan entre 600 e 1.500 euros nas viaxes de Semana Santa
En canto á antelación, segundo ela, "el gallego es muy de última hora". Aínda que moitos o planifican con bastante antelación, con reservas de hai mes e medio, despois sempre están os que van a última hora e que teñen que coller o que quede.
En definitiva, comparando con outros anos as estancias non varían moito e as illas, o Algarve e as capitais europeas seguen ocupando entre o 80 e o 90% das reservas. A demanda en xeral mellorou con respecto ao ano anterior. E aínda que para Semana Santa "somos moito de última hora", para verán si que as empresas notaron bastante anticipación e os máis espabilados xa comezaron a preparar as súas reservas, sobre todo para as illas, pois estas acostuman ter unha notable demanda.