A conselleira aclara que as obras da senda peonil non afectarán ao Con do Cormorán
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou este xoves no Parlamento de Galicia que a Xunta iniciará en abril a segunda fase da senda peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Soutullo e Major, e iniciará este mesmo ano a contratación das obras do terceiro treito, que chegará ata Portonovo.
A titular de Infraestruturas do goberno galego salientou que todas as actuacións previstas nas obras da primeira fase que se están a executar entre A Lanzada e Soutullo e que rematarán en verán, foron acodardas co Concello de Sanxenxo e tiveron en conta as demandas de diferentes colectivos veciñais.
Vázquez Mourelle remarcou que este proxecto conta con todos os informes favorables dos órganos competentes en materia de patrimonio e medio ambiente e non afectará ao Con do Cormorán.
A conselleira destacou que esta actuación entre A Lanzada e Portonovo é compatible co respecto ambiental e patrimonial. Precisou que aínda que as rochas non teñen protección, a Xunta respectará a sensibilidade da veciñanza, polo que os traballos non incidirán neste penedo nin nos das súas proximidades.
A conselleira indicou que a Axencia Galega de Infraestruturas conta coas correspondentes autorizacións, tanto da Dirección Xeral de Patrimonio como da de Conservación da Natureza e vén atendendo as medidas preventivas establecidas para minimizar posibles afeccións.
Ademais remarcou que, tendo en conta o posible impacto do trazado do proxecto en terreos incluídos en Rede Natura 2000, técnicos do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra e persoal de vixilancia do espazo natural procederon á inspección do lugar, xunto con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. Nesta inspección, corroborouse que as actuacións previstas están dentro da zona de dominio de Estradas.
En relación á parcela na que se atopa o Con do Paxaro, a conselleira lembrou que se trata dunha parcela illada do espazo natural protexido e carente dos seus valores e neste zona non hai dunas. Dixo que o Con do Cormorán carece de catalogación ou de protección patrimonial ou ecolóxica especial, pero, aínda así, a Xunta, consciente da súa significación simbólica, en ningún momento preveu a súa retirada.
Co obxectivo de atender as demandas veciñais e de acometer os traballos atendendo, no posible, a todas as sensibilidades, buscouse unha solución, que permite evitar o paso da senda polas rochas e que afectará minimamente á zona de aparcadoiro, xa que só son dúas ou tres prazas as que se perden.
Relacionadas:
-
Entran en servicio 2,7 kilómetros de senda peatonal y ciclista entre A Lanzada y Portonovo
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez di que a senda entre Soutullo e Major estará rematada antes do verán
Por Redacción |
-
A Plataforma Veciñal Sanxenxo pide a paralización das obras da senda peonil da Lanzada
Por Oskar Viéitez |