A Garda Civil detén dous homes cando trataban de forzar o portal dun edificio en Ribadumia
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous homes, de 41 e 32 anos, como supostos autores dun delito de tentativa de roubo, ao ser sorprendidos tentando forzar o portal dun edificio en Ribadumia.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, o aviso recibiuse de madrugada dun posible roubo nun edificio. Ao chegar ao lugar a patrulla observou como unha persoa emprendía a fuxida e lanzaba unha mochila ao chan. Os axentes deron alcance a este individuo que se identificou como J.M.H.R., de 41 anos, e atoparon outra persoa escondida que resultou ser A.D.R., de 32 anos, os dous veciños de Vilagarcía de Arousa.
Ao ser sorprendidos infraganti recoñeceron que se atopaban forzando o portal, co obxecto de violentar unha das caixas de correos. Por iso os gardas civís procederon á súa detención por un delito de roubo con forza nas cousas.
No interior da mochila atopáronse ferramentas que habitualmente se empregan para forzar os bombines das portas. Ao rexistrar as pertenzas dos detidos tamén se lles incautaron varias ferramentas, entre elas unha broca.
Os detidos, que contan con antecedentes policiais por feitos similares, quedaron en liberdade en dependencias da Garda Civil, coa obrigación de comparecer ante o Xulgado de Instrución de garda de Cambados, cando sexan citados.
A investigación continúa aberta para determinar a posible implicación dos arrestados noutros feitos de similares características cometidos na provincia.