Un estafador reincidente a xuízo por coller cheques en caixas de correo, falsificalos e cobrar en bancos de Marín
Por Natalia Puga
Miguel Ángel G.A. sentarase este xoves 14 de marzo de 2013 no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra para render contas por tres delitos continuados de falsidade en documento oficial, falsidade en documento mercantil e estafa que supostamente cometeu fai xa máis de dez anos, en febreiro de 2003, en Marín e Coslada (Madrid) e polos que se enfronta a seis anos de prisión.
Segundo sostén o fiscal, o acusado ben só ou en compañía doutras persoas que non foron identificadas programou e desenvolveu un procedemento para lucrarse ilicitamente a custa do patrimonio alleo que consistía na subtracción de cheques e obrigas de pagamento de caixas de correos e, posteriormente, manipulalos e alteralos cambiando o importe destes, a persoa beneficiaria e mesmo a data de vencemento.
Posteriormente, falsificaban documentos nacionais de identidade e acudían a cobralos a distintas entidades bancarias a través de persoas que non puideron ser identificadas. Con tal método, acudiu a sete entidades, seis delas de Marín e unha de Costala e logrou conseguir máis de 18.000 euros.
No último indicente, tivo como cómplice un individuo de nacionalidade colombiana, P.L.A.G, que tamén está acusado neste xuízo. O principal imputado foi detido en Guadalajara cando supostamente acababa de cometer un delito similar xa xulgado.
O acusado conta cun substancioso historial xudicial por delitos similares cometidos entre 1997 e 2003 en Barcelona e Madrid, de modo que á hora de solicitar a súa condena por estes feitos o fiscal ten en conta a circunstancia agravante de reincidencia.
Xunto a el sentarase no banco P.L.A.G., polos delitos de uso de documento oficial falso, uso de documento mercantil falso e estafa en grao de tentativa polos que se enfronta a un ano de prisión. Se é o caso, tan só se lle atribúe o delito cometido en Coslada.