Bueu pide a Educación que cambie a cuberta do colexio de Cela, no que detectaron amianto
Por Redacción
O Consello Escolar de Bueu celebrado este martes tivo coñecemento dun informe do arquitecto técnico municipal que detectou a presenza de amianto na cuberta do CEIP A Torre de Cela. Á vista desta situación, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, comprometeuse a enviar á Consellería de Educación un escrito para pedir a súa substitución.
Segundo explicou o Concello de Bueu, este foi un dos asuntos que se abordou no Consello Municipal, no que os asistentes tamén fixeron unha radiografía do Plan de Absentismo Escolar e o Concello e os centros educativos comprometéronse a actuar conxuntamente para atallar as problemáticas que se produzan.
Á reunión do Consello Escolar acudiron o alcalde; a concelleira de educación, Teresa López; as ANPAS e directivos dos centros educativos; un representante das asociacións de Bueu; e o técnico de Cultura.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o alcalde deu conta dos principais proxectos de melloras que o Concello vai acometer nalgúns dos centros educativos, como a reparación do centro infantil de A Pedra, que se realizará con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Ademais, o alcalde aproveitou para lembrar a necesidade de que a Consellería de Educación acometa obras de maior calado como o cambio da cuberta no CEIP Montemogos de Beluso, unha demanda constante tanto da directiva como da asociación de nais e pais. As familias pediron ao Concello que actúe diante da Consellería para reforzar esta petición.