Cerponzóns homenaxea á mestra Carmiña
Por Redacción
María del Carmen del Valle del Río, Carmiña, nacía en Cádiz. O seu avó fora xeneral en Filipinas e o seu pai chegou a ser comandante. quedou orfa sendo moi nova e trasladouse á parroquia de Lérez, acollida polo seu tío, o crego Leandro del Río.
Carmiña foi unha pioneira. A medida que ía crecendo a súa forma de ser e de vestir diferenciábase do resto de mulleres. Os veciños falan dela como unha adiantada ao seu tempo. A súa estética pouco habitual na época do franquismo situábaa fóra dos canons típicos daqueles anos, do mesmo xeito que a súa orientación sexual. Sempre se trasladaba nunha bicicleta con cintas de cores.
Nos anos sesenta trasladábase a Pidre, na parroquia de Cerponzóns. Alí comezou a exercer de mestra a través de clases particulares para os menores da zona.
Os seus ex alumnos lembran que sempre estaba acompañada de animais e que á sombra dun peral ensináballes as primeiras leccións sobre letras e números. Falecía no ano 1998 debido a unha enfermidade que lle obrigou a trasladarse, de novo, a Lérez.
A súa figura será lembrada nun acto de homenaxe a través da asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns nun acto que se celebrará este xoves 23 de marzo ás 19.30 horas no local social da parroquia (antiga Casa dos Mestres). Neste evento participarán o concelleiro Luís Bará, ademais de Chus Escudeiro.