Identifican un mozo por roubar ferramentas en tres casas de Bueu e investigan se cometeu máis delitos
Por Redacción
A Garda Civil identificou ao veciño de Bueu T.G.S., de 22 anos, como presunto autor de dous delitos de furto e un de roubo por subtraer ferramentas e maquinaria agrícola de uso doméstico en tres casas habitadas da parroquia de Cela.
Segundo informou a Garda Civil a través dun comunicado, efectivos do posto de Marín abriron unha investigación a finais de 2016 por mor das denuncias que se formularon pola subtracción de ferramentas e maquinaria en distintas casas de Bueu.
Froito das investigacións realizadas, lograron identificar o suposto ladrón e atribuírlle tres delitos. Entre decembro e xaneiro cometeu supostamente dous furtos nos que subtraeu unha rozadora e unha motoserra e un roubo no que entrou nunha casa a través dunha xanela e apropiouse dunha máquina limpadora a presión.
Tras os roubos, supostamente vendeu as ferramentas nun comercio de compravenda de obxectos usados de Vigo. A Garda Civil puido constatar esas actividades de venda.
A Garda Civil mantén aberta a investigación para determinar a presunta responsabilidade deste mozo noutros feitos similares durante os últimos meses na comarca do Morrazo, de modo que solicita a colaboración das persoas que sufrisen calquera tipo de subtracción, para que presenten a correspondente denuncia, xa que en casos como estes é necesaria e imprescindible para esixir, no seu caso, responsabilidades penais ao presunto autor.
As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Garda de Marín, onde deberá comparecer T.G.S. en calidade de investigado cando sexa requirido.