Cuntis, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Moraña e Campo Lameiro, sen transporte escolar
Por Redacción
O temporal que se agarda para as próximas horas levou ás autoridades educativas a suspender o transporte escolar e as actividades no exterior dos colexios situados en 17 concellos da provincia de Pontevedra, todos eles do interior. Entre os afectados están Cuntis, A Lama, Moraña, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.
A comisión escolar de alertas tomou esta decisión ante un fenómeno meteorolóxico que acadará os niveis amarelo e laranxa de alerta e que, nestas zonas do interior da provincia, poden xerar tamén nevadas.
Esta suspensión estará activa, seguindo as instrucións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) entre as 12.00 horas deste mércores 22 de marzo ata o mediodía do xoves día 23.
É dicir, este mércores si haberá transporte escolar para que os nenos cheguen ao colexio pola mañá, pero non haberá servizo de recollida a mediodía nin, no seu caso, transporte de tarde. Diante desta circunstancia, sinalan desde Educación, os proxenitores poderán elixir entre recoller os nenos polos seus propios medios ou non enviar ao alumnado ao centro educativo.
Sucederá ao revés este xoves. Non haberá transporte de entrada aos centros educativos, polo que o alumnado, para as familias que o desexen, deberá acceder aos centros en transporte non colectivo. Dado que o adverso meteorolóxico finaliza ás 12.00 horas do mediodía, si existirá transporte de regreso desde os centros educativos.
Educación sinala que noutras ocasións suspendeuse o transporte de entrada e saída dado que a comunicación das circunstancias meteorolóxicas adversas iniciouse antes do comezo das clases. A decisión, aseguran, tómase porque o transporte escolar supón un risco maior no caso de temporal que outro tipo de vehículos particulares.
Os centros educativos, dado que non existe suspensión da actividade lectiva, os dous días permanecerán abertos durante toda a xornada lectiva.